Contribuíndo á descarbonización de Galicia a través da conversión de residuos en recursos
O Centro Mixto de Investigación CIGAT Circular, máxima modalidade dentro do Programa de unidades mixtas de investigación, propón un modelo integral para converter os residuos de orixe industrial, urbano, agrícola e rural en recursos de alto valor engadido co obxectivo de contribuír a que Galicia sexa unha rexión neutra en carbono.
Enmarcado dentro do programa Centros Mixtos de Investigación 2022, é o resultado da evolución das Unidades Mixtas CIGAT (2015-2018) e CIGAT BIOFACTORÍA (2018-2021).
CIGAT Circular traballará diferentes liñas de investigación e innovación en torno a catro eixes principais: auga, enerxía, subprodutos e dixital. O eixe auga, centrarase no desenvolvemento de tratamentos avanzados para a eliminación de microplásticos e a obtención de auga reutilizable. O eixe enerxía, impulsará a xeración de enerxía renovable a partir de residuos orgánicos mediante a sua conversión en hidróxeno verde e biometano.
O eixe subprodutos, desenvolverá unha liña de investigación relacionada coa produción de biocompostos de alto valor engadido e outra coa recuperación e aproveitamento dos recursos presentes nas augas residuais. E o último, o eixe dixital, que actuará como catalizador para a creación e consolidación de modelos de negocio sostibles baseados en cadeas de valor circulares.